Thursday 16 de May de 2024

O Concello de Oroso inviste 35.000 euros en recuperar a fonte e o lavadoiro de Piñeirón, que habilitará como área de lecer para os veciños


Trátase dunha das peticións realizadas pola veciñanza desta localidade da Gándara durante un Encontro co Alcalde

O Concello de Oroso está a recuperar a fonte e o lavadoiro de Piñeirón, na parroquia de Gándara, respondendo así a unha petición expresa dos veciños e veciñas desta localidade durante un dos Encontros co Alcalde celebrados por Manuel Mirás. Tanto a fonte como o lavadoiro se atopaban nun avanzado estado de deterioro, sobre todo no que atinxe á canalizacións das augas, que vertían ao terreo continuo e daban lugar a unha poza que dificultaba o acceso ao lugar.

As obras que se están a acometer na zona supuxeron a substitución da cuberta do lavadoiro por outra de tella cerámica e o reforzamento da súa estrutura, así como a canalización da auga procedente da fonte, que tamén será arranxada, para evitar vertidos e garantir un mellor subministro tanto á fonte como ao lavadoiro. Ademais, o Concello de Oroso instalará nesta zona, que ocupa unha superficie de 174 metros cadrados, unha pavimentación en lousa de granito e construirá un murete de contención dos terreos ao longo do camiño, xa que discorre por unha cota máis elevada ao lavadoiro.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, explica que “a nosa intención é converter este espazo nunha área de ocio para os veciños e veciñas do Piñeirón, xa que se trata dunha contorna de alto valor paisaxístico e pola que transitan moitos veciños”. A localidade de Piñeirón está situada na parroquia da Gándara, xusto detrás da urbanización Porto Avieira.